Expandir contido

Aplicación oficial de Twitter para Android

Dúas semanas despois de que se anunciase que Android contaría cumha aplicación oficial de Twitter, onde saltaba a nova de que xa estaba dispoñíbel no Android Market, así que baixeima para probala.

A miña impresión é rara, despois de estar acostumado a usar o Twidroid. Cando se inicia a aplicación, aparece a pantalla de inicio da dereita, na que podemos ver a liña temporal de Tweets, as listaxes, as mencións, os retweets, as mensaxes directas ou o noso perfil. Ademais, na parte inferior amósanos os trendic topics, unha característica interesante.

A liña temporal de tweets é moito máis visual cá de Twidroid, sen embargo podes ver un número menor de tweets. Maila iso, non me disgustou este feito, sera cuestión de acostumarse.

En canto á configuración de certos aspectos, a cousa inda non está moi avanzada, xa que por exemplo só permite empregar dúas ferramentas de compartir imaxes (twitpic ou yfrog). Fáiseme algo raro, acostumado ao twitgoo, mais tampouco supón ningún problema. É de supór que en vindeiras actualizacións haxa máis opcións.

Se cadra, a característica máis salientábel e que me parece máis interesante é a sincronización cos nosos contactos. Unha vez que iniciamos sesión (ou a posteriori, no menú de configuración), permítesenos sincronizar os nosos contactos tamén co Twitter, polo que logo, ao acceder a un contacto agrégase o t característico do Twitter ás outras opcións de comunicación que tiñamos (teléfono, sms, correo electrónico, Facebook...), o que sen dúbida é moi interesante.

Cómpre sinalar que a aplicación só está dispoñíbel para Android 2.1 e superior. Ademais, no rato que estiven xogando con ela descubrín que inda ten algún bug que forza o peche (por exemplo, ao mirar as mencións). É de supor que isto estará corrixido nalgunha actualización próxima. Alén diso, ten bastantes erros de tradución, nada que faga o uso inentendíbel, mais non é de agrado.

Eu coido que vou continuar co twidroid polo de agora, xa que molesta bastante que a aplicación non funcione ben ao 100%, mais coido que será a 'aplicación do futuro', que para algo é a oficial e supoño que mimada.

[Descarga Twitter para Android]: Se tes unha aplicación de lectura de códigos QR (Barcode Scanner, dispoñíbel de balde en Android Market), achega a cámara do teu móbil ao código seguinte para baixar Twitter para Android
[Fonte das imaxes]: As capturas de pantalla, así como o código QR foron sacados de El Androide Libre