Expandir contido

Crónica dunha portabilidade (I)

Con este post inicio hoxe unha crónica que terá un número indefinido de entradas, nas que darei conta do proceso de portabilidade múltiple (liña telefónica, ADSL e móbil) que hoxe iniciamos na miña casa.

Na miña vila, Cabanas, desfrútase parcialmente de conexión ADSL. Eu podo considerarme afortunado por dispór deste servizo e a 3 Mb, que inda que sexa unha velocidade normal hoxe en día, é bastante aceptábel para navegación e descarga sen eternizarse. Mais a maior parte do concello non dispón de acceso a Internet de banda ancha; mesmo o polígono industrial de Vilar do Colo, que comparte o meu concello co de Fene, ficaba sen acceso á rede, até que na pasada lexislatura a Consellaría de Innovación e Insdustria, con Fernando Blanco á cabeza, desenvolveu parella con R o acceso a Internet con tecnoloxía WiMax.

Hai uns días, a través do blogue oficial de R, Que che parece, enterábame de que o operador galego de fibra óptica comezaba a ofrecer servizo indirecto de ADSL para a xente que, coma on meu caso, dispón de cobertura ADSL (mínimo 3 Mb) pero non de acceso á rede de fibra que está a despregar R.

Fartos do pésimo servizo de atención de Telefónica, que chamaron unhas vinte veces ofrecendo produtos avanzados (Imagenio, ADSL 10 Mb...) que á hora da verdade non podían instalar porque a cobertura era insuficiente para eles e, pola contra, contentos da atención de R no produto de cable que temos contratado en Vigo, decidimos animarnos ao cambio.

Por 45 € (IVE aparte), R ofrece a liña, o ADSL 3 Mb, chamadas ilimitadas a fixos estatais, 500 minutos a móbiles R, atención gratuíta, asistencia a domicilio. Ademais, como promoción de benvida, os 6 primeiros meses o prezo é de 23 € se se contrata á vez móbil R, ou durante 3 meses sen móbil R.

E acó entra en xogo Vodafone. En xullo xa tivera un pequeno encontronazo con eles porque me activaron un servizo de 3 euros que non solicitei. Disto que che di o maquinito:

- Si desea contratar diga "contratar", en otro caso, espere.
Esperas... e diche Servicio contratado, gracias por ... (por facer o parvo)

Pero isto non foi todo. En agosto, recibimos unha chamada con número oculto. Descolgamos, non din nada e córtase. Duración da chamada: 3 segundos.

Aos 2 minutos recibimos un sms El servicio Vodafone en tu casa ha sido activado. Chamamos a Vodafone e dinnos que en la llamada que le hemos hecho usted aceptó contratar el servicio. Despois de vanagloriar as cualidades dos operadores de Vodafone, que son capaces de en 3 segundos explicar un servizo e que o cliente acepte, pídolle que o desactiven. Dinme que o fan, pero o certo é que 2 semanas despois descubro que casualmente segue activo...

Aí é cando decidimos que non temos que aguantar iso. Así que mudamos tamén os móbiles para R. Mágoa que só poidamos cambiar 2 dos 3, xa que o meu inda ten permanencia até o mes de abril, data na que lles direi aquilo de sayonara baby.

Iniciando portabilidade con R.

Pois hoxe, tras solicitar a R que me chamasen para contratar os seus servizos, chamáronme para pedir a información básica (datos, números a portar, terminais de móbil, plans de prezos...) e iniciar os procesos de portabilidade. Agora, mandarannos os contratos para asinar, que teremos que devolverlles para iniciar as portabilidades.

Xa vos irei contando como vai o tema!

Se liches isto, pódeche interesar...

Crónica dunha portabilidade (II)

Crónica dunha portabilidade (III)
Crónica dunha portabilidade (IV)
Crónica dunha portabilidade (V)
Crónica dunha portabilidade (VI)
Crónica dunha portabilidade (VII)