Expandir contido

Sedeirismo: rota polas Fragas do Eume (dende a central da Ventureira até o embalse)

Onte regresamos ao Parque Natural das Fragas do Eume, para min un dos lugares máis fermosos de toda Galiza e, obxetivamente, o bosque atlántico máis importante de toda Europa.

As Fragas do Eume están situadas nos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, As Pontes e Monfero, e nela podemos atopar grandes cantidades de flora e fauna autóctonos en estado puro.

A rota

A rota que fixemos onte non é apta para todos os públicos, xa que a xente que teña vértigo non a pode facer.

O ponto de partida foi a central eléctrica da Ventureira. Na estrada que une Cabanas con As Pontes, no seu paso por A Capela, atopamos cun restaurante, Casa Toñita, onde debemos desviarnos cara a central. Unha vez feito o xiro, xa hai un letreiro que nos indica que quedan 5 quilómetros para chegar á central.

Feitos os cinco quilómetros, atopamos o ponto de partida (antes de cruzar a ponte sobre o río Eume). Baixando unhas pequenas escaleiras, achegámonos ao que foi a antiga central eléctrica da Ventureira, e unha vez aló, comeza o ascenso por unhas escaleiras (deixando a central á dereita) que nos levará cara as antigas tubaxes que facían chegar o auga até as turbinas que no seu día xeraron luz.

Cando rematan as escaleiras, comeza o ascenso en zig-zag montaña arriba, até chegar á (mini)presa (agora en seco) onde se almacenaba o auga antes de ser precipitado polas tubaxes anteriormente citadas. Dicir que este ascenso é bastante forte, hai que tomalo con calma.

Unha vez aló arriba, debemos seguir subindo por un camiño no monte até que nos atopamos unhas pedras ben colocadas, que no seu tempo serviron de almacenaxe das castañas que se recollían pola fraga. Para que vos fagades unha ideia do tipo de construcción ao que me refiro, podería parecerse a un curtín dos que nos atopamos polos camiños dos Ancares ou a un castro. Dende ese ponto, baixa un camiño cara un antigo río.

Como curiosidade, direivos que ese río era o encargado de traer o auga dende o embalse pola parte alta do canón do Eume até a minipresa situada na parte alta das tubaxes da antiga central eléctrica da Ventureira.

Pois ben, o camiño discorre polo muro de contención dese antigo río artificial, o que deixa a unha beira a montaña e ao outro o desfiadeiro sobre o Eume. As vistas son realmente impresionantes, sobor de todo se coincide un día tan marabilloso coma o de onte. E isa é cicais a maior dificultade na rota, xa que pode resultar un tanto perigoso circular por ese muro de apenas corenta centímetros.

Nalgún momento, o antigo río introdúcese por túneles (para os aventureiros, dentro deses túneles hai morcegos... de querer velos hai que levar lanterna), pero existe un camiño que bordea a montaña neses pontos.

Ao final da rota polo desfiadeiro do canón do Eume pódese sentir o impresionante de verse á altura do río e ver o embalse dende abaixo... unha parede de formigón de dimensións considerábeis.

Xa vos digo, non é unha rota válida para todos os públicos, mais vale a pena vela...

Algunhas fotos

Outras rotas

Na seguinte páxina existen diversas rotas polas Fragas do Eume, mais a que vos citei eu non aparece... se estás interesada/o en ter máis información sobre a mesma, non dubides en enviar un correo a iago@iagovarela.eu ou deixar un comentario

http://www.eumevisual.negreira.net/senderismo.htm

One Response so far.

  1. Anónimo says:

    A verdade que as vistas son impresionantes. Pero ai que ir preparados... é unha rota considerada de dificultade baixa, pero se non estás afeito ao senderismo tórnase bastante difícil e disfrútase menos da paisaxe e preocúpase máis un de por onde pon os pés! :)